skip to Main Content

CAPELA DE SAN AMARO

Construída en 1834, xoia neoclásica financiada por Fernando Queipo de Llano e deseñada por Alejo Andrade Yáñez e Melchor do Prado Mariño. Presenta esta unha planta central en cruz grega que está coroada por unha cúpula rebaixada e franqueada no exterior por dúas pequenas torres, sen ningún corpo que sobresaia sobre o seu conxunto, sendo o mesmo de tipo toscano e dunha estilizada beleza.

IGREXA DAS CAPUCHINAS

A Igrexa do antigo convento das Capuchinas é un pequeno templo, que, co patrocinio do arcebispo Monroy, foi erixido no s. xviii na rúa Panadeiras e é unha preciosa mostra do barroco, aínda que neste caso, a austeridade franciscana limitou o impulso ornamentalista propio deste estilo.
Un percorrido pola arte dos retablos de Fernando de Casas Novoa, introdúcenos na riqueza do seu mobiliario e imaxinería, entre as que destacan pezas significativas como a de Nª Sª das Marabillas, santa Rosa de Viterbo, santa Coletta, etc.

FUNDACIÓN LUIS SEOANE

A Fundación Luís Seoane sitúase nun antigo cuartel coruñés rehabilitado e inaugurado en maio de 2003. Concibido polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco como gran hórreo de granito e cristal que vira en torno ao antigo patio de Armas da anterior edificación militar.
Esta institución investiga e divulga a obra de Luís Seoane e desenvolve proxectos expositivos ao redor da cultura e o pensamento contemporáneos, seminarios, ciclos de conferencias e unha programación didáctica destinada a públicos de todas as idades, así como un destacado labor editorial.

Back To Top