skip to Main Content
LAB 2026

23 Y 24 DE MAYO

O RUIDO NAS TÚAS MANS
Obradoiro de deseño de instrumentos electrónicos e interacción física

Este obradoiro é unha introdución á creación de dispositivos sonoros electrónicos (sintetizadores, módulos, efectos hardware, etc.) empregando a placa Daisy Seed de Electrosmith e engadindo interacción e control físico mediante o uso de sensores. Aínda que Daisy se pode programar con diferentes linguaxes, neste obradoiro centrarémonos en Plugdata pola súa sinxeleza e accesibilidade.

A quen vai dirixido?
A calquera persoa que queira iniciarse no desenvolvemento de proxectos sonoros deseñando os seus propios dispositivos e adaptándoos aos seus intereses creativos, desde a música ata o desenvolvemento de instalacións sonoras, a danza ou a performance.
Non son necesarios coñecementos previos.

Que aprenderemos?
A conectar e programar Daisy Seed empregando Plugdata, un sistema aberto e gratuíto, sinxelo e intuitivo baseado na linguaxe visual Pure Data, e a configurar a placa para conectar sensores externos e poder interactuar con ela.

Que é Daisy Seed?
É unha placa reprogramable destinada á creación de instrumentos hardware con son de alta calidade. Trátase dun sistema de audio embebido moi accesible que combina a potencia dun procesador reprogramable coa sinxeleza de engadir compoñentes de control (pulsadores, potenciómetros, sensores de movemento, acelerómetros, etc.). Unha vez programada, a Daisy Seed pode funcionar de maneira autónoma sen necesidade dun ordenador. Na actualidade é unha das principais ferramentas para o deseño de hardware musical DIY, permitindo procesar audio en tempo real e deseñar os teus propios instrumentos e efectos de maneira sinxela.

Datas: 23-24 de maio de 10:00 h a 14:00 h

Ubicación: Casa das Ciencias, A Coruña

MODALIDADES

IMPORTANTE: Se puede asistir sen material e usar o material dispoñible na sala do taller.

  • Matrícula con kit: (inclúe unha Daisy Seed, unha placa de prototipado, un jack 3,5 estéreo, un potenciómetro para probas) = 120€*
    * É necesaria prescrición para xestionar o encargo do material.
  • Matrícula sen kit: 60€ (poderase traballar con algunhas das Daisy Seed dispoñibles)
  • Material extra necesario: recoméndase, aínda que non é imprescindible, traer un portátil.

Número de prazas: 20 persoas

Máis información e inscricións: xoanxil@unruidosecreto.net

Quen o imparte?

  • Anxe Faraldo: Músico e sonólogo. A súa produción artística céntrase na exploración de medios electrónicos e dixitais non convencionais, cunha perspectiva performativa, crítica e ecolóxica do son electrónico, presente no seu traballo como compositor e improvisador. Paralelamente, desenvolve unha carreira como enxeñeiro de son, especializado en sonorización e mastering de música instrumental e mixta, colaborando con numerosos ensembles, compositoras e festivais. Actualmente é profesor de composición electroacústica no Centro Superior Katarina Gurska (Madrid), encárgase da dirección técnica de festivais de músicas de nova creación (MIXTUR, ME_MMIX, +RAIN) e codirixe o estudo de mastering e experimentación sonora La Membrana, en Barcelona.
    https://lamembrana.com/anxefaraldo/
  • Xóan-Xil López: Artista sonoro e investigador, o seu traballo xira arredor da práctica fonográfica (gravación de campo) e da experimentación sonora, adoptando a forma de instalacións, situacións inmersivas de escoita, composicións, performances e textos. Parte da súa produción céntrase na experimentación e no desenvolvemento de dispositivos electrónicos, explorando a dimensión tecnolóxica do son.
    A súa obra, recoñecida no Prix Ars Electronica 2021, foi exhibida en centros como o ZKM, o Museo Reina Sofía ou Schlossmediale. É cofundador de Escoitar.org, membro de Ulobit e colabora con formacións como Vertixe Sonora ou Haarvöl.
    https://www.unruidosecreto.net/
Back To Top